- Mulleres tecnólogas de referencia en Galicia participaron hoxe en Vigo na xornada de peche da “Tecnolóxicas Week”.
- Do 6 ao 10 de febreiro celebráronse charlas, mesas redondas, visitas escolares a empresas e talleres de programación en 10 concellos de todas as comarcas da provincia de Pontevedra.
O programa Tecnolóxicas, iniciativa impulsada por Asime e a Deputación de Pontevedra, celebrou esta mañá en Vigo unha xornada con mulleres tecnólogas referentes en Galicia.
Este acto enmárcase na “Tecnolóxicas Week”, unha semana temática que percorreu a provincia de pontevedra do 6 ao 10 de febreiro para fomentar as vocacións técnicas na xente nova, especialmente entre as nenas e rapazas. Ás portas do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, que se celebrará mañá sábado 11, celebráronse 10 eventos paralelos en 10 concellos das diversas comarcas da provincia. O de hoxe en Vigo clausurou a “Tecnolóxicas Week”, poñendo o foco nas tecnoloxías de futuro e o rol que xogarán nelas as mulleres.
O secretario xeral de ASIME, Enrique Mallón, abriu a xornada recordando que “Nunca houbo tanta escaseza de profesionais cualificadas/os no sector industrial. Actualmente a industria do metal e a súas tecnoloxías asociadas precisa cubrir 1.500 postos de forma inmediata e 800 a medio prazo, pero vivimos unha situación anómala no mercado laboral na que non conseguirmos cubrilos”. Esta situación, asegurou, “agudízase máis se cabe en perfís femininos para certos postos”, e con programas como Tecnolóxicas “pretendemos achegar a realidade industrial ás persoas máis novas para fomentar as súas vocacións temperás no ámbito técnico-tecnolóxico, animándoas a optar por unha saída estable, de futuro e ben remunerada como a que ofrecen as profesións industriais”.
Ademais, xornadas coma a de hoxe “axudan a visibilizar o excelente traballo que realizan mulleres en diversos postos como tecnólogas e que poden servir de inspiración e referente próximo para as novas xeracións. A Intelixencia Artificial, a automatización, a hiperconectividade e moitas outras tecnoloxías están transformando todo o noso tecido industrial. É unha revolución imparable e sen precedente na que debemos estar todas as empresas e tamén toda a cidadanía, porque hai oco para todos e todas”.
Amparo Alonso, Catedrática e Investigadora en IA, Universidade de Coruña, ofreceu unha charla maxistral sobre Intelixencia Artificial e recordou que esta tecnoloxía afecta a todos os ámbitos da sociedade, dende a xeopolítica ata a educación e o emprego.
“Case o 70% do emprego en España no ano 2025 será realizado por persoas con formación media/alta en tecnoloxía. Só en Galicia hai 3.00 vacantes tecnolóxicas por cubrir. Temos un enorme reto para educar tecnolóxicamente á poboación en todos os niveis, dende a educación regrada ata a formación nas empresas”.
Nese sentido, destacou a relevancia de que a Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA) vaia ter a súa sede na cidade da Coruña, exercendo un efecto tractor no liderado desta tecnoloxía no conxunto da comunidade de Galicia.
Durante a mesa coloquio, Marta J. Fernández Docampo, Senior Project Manager en Gestamp Vigo, destacou:
“A necesidade de que os nenos e nenas saiban o que fai un exeñeiro/a, que deamos visibilidade a estes perfís, sobre todo os de referentes femininas, para que as novas xeracións se interesen por estas carreiras. Temos que chegar aos máis novos na súa linguaxe e a través das súas canles, como poden ser as redes sociais”.
Lorena Rosende, CEO de Itera Técnica, incidiu pola súa banda en que:
“Temos que ser honestos coa xente nova e explicarlles que os empregos de calidade e mellor remunerados son os do ámbito tecnolóxico e industrial, temos que mostrarlles a utilidade das novas tecnoloxías para desenvolver o seu futuro profesional como individuos independentes”.
Icíar Balza, da empresa Gonvauto, destacou que:
“Hai que facer do noso sistema universitario o eixo tractor na visibilización e impulso ás vocacións tecnolóxicas, á vez que as empresas deben investir na adecuación dos seus equipos e a formación continua dos seus profesionais”.
A deputada Raquel Giráldez lembrou durante a clausura que “o número de mulleres que se matriculan en carreiras STEAM está diminuíndo e os empregos están en cifras de entre o 15 e o 20%”, polo que “todas as alarmas teñen que erguerse” para reverter esta situación. “Se non a cambiamos, as mulleres perderán a posibilidade de participar activamente no desenvolvemento socioeconómico e a sociedade perderá a metade do talento”, asegurou a presidenta provincial.
Visitas e empresas industriais, ‘workshops’ e conversas con tecnólogas
As actividades da “Tecnolóxicas Week” –visitas escolares a empresas industriais, charlas temáticas, coloquios con mulleres tecnólogas e ‘workshops’ para nenas e nenos– pretenden amosar á mocidade a realidade da industria para que coñezan os traballos que poden desenvolver, paliar a falta de persoal cualificado no sector e incorporar máis perfís de mulleres en postos técnicos e tecnolóxicos. Así mesmo, búscase achegar á xente nova referentes de mulleres tecnólogas da súa propia contorna, co obxectivo de amosar que as mulleres tamén poden desenvolver estes postos e incentivar así as vocacións temperás das nenas de cara a escoller carreiras profesionais técnico-tecnolóxicas.
As actividades da Tecnolóxicas Week recalaron en nas comarcas do Baixo Miño e A Paradanta, con visitas a empresas industriais en Tui e unha charla con tecnólogas na Cañiza. Na comarca de o Condado e en Tabeirós-Terra de Montes organizáronse visitas a empresas para alumnado de 3º e 4º de ESO e FP visitará as empresas en Ponteareas, mentres que na Estrada se celebrou un taller de coding con nenas e nenos de 8 e 9 anos. En Pontevedra tivo lugar unha charla sobre ciberseguridade para alumnado da ESO, e en Deza-Silleda, visitaron empresas industriais da zona. En Cangas no Morrazo tamén se falou de ciberseguridade co alumnado de institutos, mentres que no Salnés-Grove se organizou outro taller de coding para nenos e nenas. Na última xornada do venres recalouse en Ulla-Umia con visitas de estudantes ás empresas industriais de Valga, menstres que a Tecnolóxicas Week se pechou en Vigo coa mesa coloquio entre mulleres tecnólogas.