Asime, en colaboración co Igape, pon en marcha un concurso en TikTok, para visibilizar a mulleres que estudan ou traballan no sector industrial e tecnolóxico.

A iniciativa pretende achegar o sector á poboación moza, nomeadamente ás rapazas novas, xa que busca reducir a brecha de xénero existente na actualidade.

A campaña está impulsada xunto á influencer Paula Vilaboy (@blondiemuser) e anima ás mozas que estudan ou traballan en áreas como a enxeñaría, matemáticas, electromecánica, robótica, programación, produción industrial, etc. a participar cun vídeo no que conten a súa experiencia no sector e animen a outra mozas a optar por esta saída académica e profesional.

“O reto non é unicamente atraer talento, senón evitar que se perda polo camiño. Moitas vocacións non chegan a desenvolverse pola persistencia de estereotipos, pola falta de referentes próximos ou polo descoñecemento das oportunidades reais que ofrece a industria e a tecnoloxía. Por iso, con esta campaña queremos visibilizar as mulleres que xa están marcando o paso neste sector, para que inspiren ás novas xeracións a seguir os seus pasos”.

A brecha no sector industrial e tecnolóxico

Sobre datos, dende Asime salientan que as titulacións STEM presentan unha taxa de ocupación superior ao 92% nos dous primeiros anos tras finalizar os estudos, ademais de acceder ao emprego de forma máis rápida e estable. Con todo, esta elevada empregabilidade non se traduce aínda nunha presenza equilibrada de mulleres na industria e a tecnoloxía, especialmente en posicións técnicas de responsabilidade e liderado. E paradóxicamente tampouco nas aulas, onde lonxe de aumentar o número de egresadas en carreiras e FPs técnicas, os a brecha de xénero persiste ou medra.

Cómo participar no concurso

O concurso desenvolverase na rede social TikTok, do 8 ao 30 de marzo.

Requisitos

  • Persoas que residan en España e que sexan maiores de 16 anos.
  • As persoas interesadas en participar terán que realizar un vídeo explicando a súa relación coa temática de mulleres estudando ou traballando en industria e tecnoloxía, subilo a Tiktok e etiqueta a conta de @tecnolóxicas.
  • As participantes só poderán inscribirse unha vez.

Premio

A gañadora obterá como premio unha tablet Samsung Galaxy Tab S010 Lite e será convidada a participar como poñente nun dos eventos que se realizan no marco do proxecto en Galicia para dar a coñecer mulleres tecnólogas no sector, xunto a outras profesionais referentes da industria e a tecnoloxía.

Bases

Podes consultar aquí as bases completas do concurso.

A gañadora será anunciada o día 13 de abril a través do perfil de TikTok de ASIME: @tecnolóxicas.

 

@blondiemuser queres gañar unha tablet? ✨👀 mira! @Tecnolóxicas #eusontecnolóxica ♬ sonido original – Blondiemuser